Novas desde A Coruña: nace Faro Brigantium – Altair

O próximo xoves 14 de outubro ás 19:00 horas, no local da AAVV de Palavea, terá lugar a primeira presentación deste novo proxecto, centrado no tempo libre e no ocio alternativo para mozos e mozas de entre 7 e 18 anos.

Co suxerente nome de Faro Brigantium-Altair, tres mozas decidiron dar un paso adiante e embarcarse na aventura de darlle vida a un novo agrupamento do movemento Educativo e Sociocultural Altair. Este movemento de Cooperación Internacional, que xa contaba ata o momento con grupos en Santiago de Compostela, Burela e Cabo Verde, defínese como un espazo para o desenvolvemento integral de nenos e nenas de entre 7 e 18 anos, baseando a súa acción educativa na pedagoxía do proxecto e da acción.

O proxecto, por outra banda, tamén pretende darlle forza ao sentido comunitario do ocio e o tempo libre, fortalecendo o coñecemento da contorna máis próxima por parte das crianzas, e construíndo un lugar inclusivo, de aventura e de educación en valores.

Para tal fin, realizarán a súa actividade regular todos os sábados de 10:00 a 13:00, nun lugar aínda por definir coas familias interesadas, e tamén a través de campamentos en datas puntuais, como no Nadal, na Pascua, ou durante o verán.

Antía Fanego Lestegás, coordinadora da equipa educativa, conta que de rapaza participara en varios dos campamentos que Altair fixera en Burela e dos que gardou bonitos recordos, que remataron sendo unha das principais razóns polas que agora desexa ser ela monitora de Faro Brigantium-Altair. Nesta tarefa, acompañarana outras dúas compañeiras, Paula Veiga Sánchez e Marta Calvo García, estudantes comprometidas co voluntariado e a educación.

Podedes contactar ou atopar máis información sobre o proxecto este xoves 14 ás 19:00 no local da AAVV de Palavea, en próximas presentacións noutros puntos da cidade, ou a través de:

  • Facebook: Faro Brigantium-Altair
  • Facebook: Altair Galiza
  • Instagram: @farobrigantiumaltair
  • Correo electrónico: farobrigantium@altair.gal
  • Teléfono: 698 108 632

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará