Sobre o campamento da Ulloa

O último fin de semana de setembro, os dous agrupamentos en activo da Altair Galiza celebraron un acampamento conxunto de inicio de curso nos Chacotes, en Palas de Rei. Compartimos convosco as reflexións de Paula Veiga, educadora do agrupamento Faro Brigantium – Altair.

Dúas semanas despois do noso acampamento en Palas de Rei e lembrando todos os momentos que pasamos alí un dos sentimentos que me veñen á mente é a morriña. Morriña de pasar as noites nas tendas, morriña de cociñar todos xuntos e morriña de xuntarnos cada noite para rematar o día cas nosas marabillosas veladas.

Facendo balance do campa non podo destacar cousas que non sexan positivas: xogamos todos os grupos de idade, aprendemos moitas cousas sobre a contorna, falamos con peregrinos e veciños da zona, visitamos o Castelo de Pambre e fixemos unha camiñada rodeada de natureza na que acabamos no balneario abandonado da zona.

Sempre, en cada acampamento, penso no afortunada que son de estar vivindo esta experiencia. Sempre, en cada acampamento, esperamos con ansias que chegue o seguinte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará