Os agrupamentos

Seteportas (Santiago de Compostela)

Altair Galiza ten actividade regular en Santiago de Compostela desde setembro de 2014 a través do grupo educativo Seteportas-Altair, que actualmente conta con arredor de 20 educandos que participan das actividades con regularidade, organizados en cinco grupos con 1 ou 2 educadores cada un.

Seteportas realiza as súas actividades semanais (sábados de 11 a 14h) no seu local na Rúa do Home Santo 29B. O local, que tamén é a sede da asociación e da Escola de Tempos Libres Altair Galiza, está a disposición, de xeito gratuíto, daquelas persoas e entidades que queiran utilizalo para as súas actividades, sempre que estas encaixen dentro da proposta de valores de Altair.

Ademais das actividades semanais, Seteportas-Altair realiza numerosas saídas e descubertas. Unhas catro ao ano (outono, Nadal, Pascua e verán) teñen lugar en formato de campamento, co obxectivo de dar a coñecer novos lugares e de vivir novas experiencias ao tempo que se fomenta a aprendizaxe e o respecto do patrimonio material e inmaterial.


Chao de Castro (Burela)

Chao de Castro – Altair é o nome que tomou o agrupamento pioneiro da Altair Galiza, fundado na vila mariñá de Burela no ano 2011. Chao de Castro funcionou de forma ininterrumpida até o cese indefinido da actividade no ano 2018, unha decisión tomada pola equipa educativa debido á imposibilidade de continuar realizando o seu labor e á falta de relevo naquela altura.

Á espera da reactivación da súa actividade regular, o grande legado de Chao de Castro continúa a ser guía para os agrupamentos que actualmente dan vida á nosa asociación.


Faro Brigantium (A Coruña)

Faro Brigantium – Altair, con sede na cidade da Coruña, funciounou como un novo agrupamento do movemento educativo e sociocultural Altair.

As actividades regulares de Faro Brigantium, propostas para nenos e nenas de 8 a 18 anos, desenvolvéronse no seu momento no noso local da rúa Vila de Miño, 15. Ademais, os membros deste novo agrupamento participaron en varias saídas e campamentos ao longo do ano (nadal, pascua, verán…) xunto cos compañeiros de Seteportas – Altair, de Santiago de Compostela.

Como parte do movemento Altair, a vontade de Faro Brigantium é fortalecer os vínculos e o coñecemento da contorna por parte das crianzas, construíndo un lugar inclusivo de aventura e educación en valores.